4 sept 2012

Compromiso co compromiso.

Un compromiso aceptado debería ser motivo de obrigado cumprimento.
Iso é no que penso cada vez que me ofertan formar parte dun papel que di que son nacionalista.
Iso é no que penso cada vez que declino esa oferta...

3 sept 2012

Xuventude contra senectude

A forza que da a xuventude rivaliza coa falta de experiencia, se cadra ese é o motivo polo que non se nos toma en serio, se cadra por iso temos que erguer a voz mais do que debemos.
Pero esta fin de semana, perdidos nun monte preto de Vigo, rodeados de cans, punkis, pijos, celtistas, celtarras e unha malgama de cores e sentimentos, pero que coreaban todos xuntos as mesmas consignas, que vían mais alá de peinados e vestimentas... Sentín que era o momento.

O momento de comezar unha loita que non sabemos onde vai dar, que non sabemos se será tan só unha loita democrática, unha loita limpa...

Non teño medo co puño ergueito
Non temo a represalias
Non agardo nada... porque sen nada xa estou.
Futuro e loita
Coraxe e terra

Xuventude... Forte xuventude.


Saúda do alcalde

Cantas veces non terei visto en centos de publicacións repletas de anuncios ese encabezado?
Cantas veces non terei faito un "copy paste" coa saúda do alcalde de Lalín nas publicacións que noutrora centraron a miña liña editorial?

Eu non son mais ca medio alcalde dunha habitación da casa de meus avós, unha habitación que deixa entrar o sol nacente aínda que me esforce por tapalo, e da que a porta non pecha alá moi ben...

Pero síntome con forza de saúdar, con forza de comentar, con forza de escribir e con forza de loitar dende este recuncho tamén.

"Queda inaugurado este blog..." Que carallo, non é preciso. Está vostede entrando en territorio liberado, aquí fálase galego (mais ou menos) e escríbese galego (mais ou menos) e acéptase a calquera (tamén... mais ou menos)

Póñanse cómodos, que comeza a nova viaxe.